>  Uncategorized   >  Programa de Estilos Urbanos este verán en Lugo con obradoiros e shows!!!

Xornadas lúdicas con SkatePark, exhibicións de BMX Flatland, obradoiros de Breakdance ou unha quedada de Street Workout son algunhas das actividades enmarcadas no programa municipal «Estilos Urbanos» +Xti do Concello de Lugo e baixo a produción especializada do colectivo Vella Escola Cultura Urbana.

O programa comezará o martes, 28 de xullo, das 16:00 ás 20:00 horas, na Praza Roxa de Fingoi, onde a mocidade poderá vivir unha xornada lúdica de skatepark e gozar cunha exhibición de BMX Flatland, unha especie de ciclismo artístico, no que se realizan trucos e xiros coa bicicleta mantendo o equilibrio en numerosas posicións.

Nesa mesma semana, o xoves 30 de xullo, tamén de 16:00 a 20:00 horas, na Praza de Augas Férreas haberá un obradoiro de Breakdance e outro de Slackline.

Xa en agosto, o día 1, de 17:00 a 22:00 horas, terá lugar unha quedada de Street Workout no Parque Rosalía de Castro. Para este evento é preciso inscribirse, o mesmo día da celebración e nas inmediacións do parque, antes das 18:30 horas. Repartiranse 400 euros en 15 premios e haberá retos de probas técnicas e de resistencia. Esta quedada contará con speaker e xurado.

O martes 4 de agosto, de 16:00 a 20:00 horas, a Praza do Castiñeiro converterase en escenario de Parkour e o día 6 de agosto, no mesmo horario, a Praza de Augas Férreas será testemuña dun show de Freestyle Football.

Todas as actividades, agás a quedada de Street Workout son abertas, non sendo precisa a inscrición. Están organizadas polo Concello, baixo o +Xti, subvencionado polo Plan Nacional de Drogas.

Máis información en:

www.vellaescola.com