O vindeiro domingo 8 de novembro de 2020 presentamos na Casa da Cultura de Lousame «Ópera Break´s», un espectáculo que mestura Ópera, Breakdance e Dj nunha única función de gran calidade artística que brota da conexión da soprano Esperanza Mara (Emanarte) e os artistas urbanos do colectivo Vella Escola (Dj Mil e os bailaríns Retrokid, Bboy Serlli e Pol Rock).
Este proxecto está enmarcado no programa da Consellería de Cultura e Turismo (Secretaría Xeral de Política Lingüística) denominado «Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021» creado ao abeiro do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19.
A ópera está ligada a un estereotipo elitista, inaccesible, reservado para uns poucos e sobre todo ligada aos espazos pechados, fundamentalmente aos teatros. A cultura urbana, aquela dirixida á mocidade, libre de normas, transgresora, que se cultiva nos suburbios e que se desenvolve sen vínculo a nada.
Contamos unha historia a través da expresión musical e corporal. Rompemos as barreiras do clásico e do urbano, fusionándonos nun espectáculo multidisciplinar onde o inimaxinable pode suceder… Atréveste a liberar a túa mente de preconceptos?