O luns 28 de setembro ás 18:00 horas presentamos o noso novo espectáculo «ÓPERA Break's» no Porriño (Parque do Cristo), un espectáculo producido por Vella Escola e EmanArte.
“Opera Break's” mestura ópera, breakdance e DJ nun espectáculo único de gran calidade artística que xorde da conexión da soprano Esperanza Mara (Emanarte) e os artistas urbanos do colectivo Vella Escola, Dj Mil e os bailaríns Bboy Serlli e Pol Rock.
DUALIDADE… A ópera está ligada a un estereotipo elitista, inaccesible, reservado para uns poucos e sobre todo vinculado a espazos reservados, fundamentalmente aos teatros. Cultura urbana, aquela dirixida á xente nova, libre de regras, transgresora, que se cultiva nos suburbios e que se desenvolve sen conexión con nada.
Contamos unha historia a través da expresión musical e corporal. Rompemos as barreiras entre o clásico e o urbano, fusionándonos nun espectáculo multidisciplinar onde o inimaxinable pode acontecer... Atréveste a liberar a túa mente de preconceptos?
Este espectáculo ten unha duración dunha hora e pódese representar tanto en teatros como na propia rúa.

