>  Uncategorized   >  Presentamos a II edición do certame IMPROVISDADO!!!

Hoxe presentamos en rolda de prensa do Concello do Porriño a segunda edición do certame «Improvisdado – Batalla de Debuxantes» que abrirá o prazo para a presentación de propostas o vindeiro luns 15 de Marzo.

Nesta ocasión o certame contará co seu propio espazo web onde poderán consultarse as bases do concurso, ver vídeos de presentación e reportaxes da edición anterior e mesmo formalizar a inscrición vía online para esta nova entrega.

Outra novidade é que se muda o emprazamento do certame que pasará a desenvolverse na súa fase final no Parque do Cristo do Porriño xa cara mediados do mes de setembro, unha vez finalice o proceso de selección de finalistas.

Por outra banda, a temática que dará forma aos soportes sobre os que se intervirá artisticamente na segunda edición de Improvisdado versará sobre o «taller mecánico».

“IMPROVISDADO – Batalla de Debuxantes” é un certame dirixido a debuxantes e muralistas, presentado nun formato innovador que promove a improvisación e a expresión artística dos/as participantes e facilita novas formas de intervención baseadas no debuxo e a pintura, rompendo cos estándares e “normas non escritas” da arte, na procura da expresión persoal sen cancelas de cada artista.

A finalidade principal desta iniciativa é ofrecer un espazo creativo onde pasalo ben, amosar e apoiar o traballo dos/as artistas multidisciplinares e favorecer as relacións e conexións contraculturais mediante a participación activa na rúa.