>  Novas   >  Obradoiros de Rap en galego polo Día de Rosalía

A Vella Escola xunto coa OMIX e a Concellería de Cultura do Concello do Porriño celebraron o Día de Rosalía o pasado 24 de febreiro coa realización dunha programación de 4 talleres formativos de Rap en galego, nos que se traballaron diferentes recursos didácticos para aprender a escribir e interpretar rimas en galego con temáticas de interese para a mocidade combinadas con diferentes textos e poesías de Rosalía de Castro a fin de homenaxear o nacemento da figura máis relevante da literatura galega no seu 182º aniversario (Rosalía de Castro, 1837-1885).

Os obradoiros desenvolvéronse en diferentes centros de educación secundaria do municipio onde se escoitou a poesía de Rosalía transformada en rap. RAP CON ROSALÍA; é un proxecto a desenvolver nos centros de ensino secundario, nesta ocasión, facendo coincidir as sesións coa conmemoración do “Día de Rosalía”, en horario lectivo e nas que participaron as mozas/os de 2º da ESO.

 

 

Este proxecto baséase nunha metodoloxía que promove a participación activa e colaborativa da mocidade durante todo o proceso de aprendizaxe, realizando tarefas conxuntas coma a elección da temática, enfoque da mensaxe, elección do vocabulario e dos recursos literarios necesarios para elaborar as rimas.