>  Novas   >  Final da Liga Xunta Break o 11 de novembro en Santiago!
A Liga Xunta de Galicia de Break conclúe a súa terceira edición o 11 de novembro en Santiago de Compostela.

 

A liga de Break celebrará o seu evento final no centro comercial Área Central en Santiago de Compostela en horario de 17.00 a 21.00 horas. Este evento marca o peche dunha exitosa terceira edición, que percorreu dez localidades galegas e contou coa participación de máis dun centenar de bailaríns de toda Galicia nas súas diferentes edicións.

 

Este circuíto desenvólvese baixo a dirección do colectivo Vella Escola, encargado da produción, coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e da Secretaría Xeral para o Deporte.

 

A competición, que consta de tres categorías (iniciación, intermedio e avanzado) e dous formatos de competición (individual e parella), demostrou ser un éxito, atraendo a un gran número de novos talentos do breaking de toda a comunidade entre os que destacan dous actuais campións de España, David Amor (Neda) e Alicia Babarro (Ourense).

 

Os participantes desta edición demostraron un incrible nivel durante as xornadas anteriores e espérase que o evento final celebrado na capital de Galicia sexa o máis emocionante ata a data, xa que dará a coñecer o top 3 da clasificación galega en cada unha das categorías.

 

A Liga Xunta de Galicia de Break é máis que unha competición; en cada evento organízanse talleres formativos dirixidos ao público novo, promovendo o crecemento desta disciplina de proxección olímpica en Galicia e funcionando como unha plataforma de encontro habitual para a mocidade da nosa comunidade.

 

O breaking fará o seu debut como deporte olímpico o próximo verán nos Xogos Olímpicos de París 2024 o que seguro dará lugar a unha expansión desta disciplina por todo o mundo. Neste sentido, a Liga Xunta de Galicia de Break ofrece aos breakers e a todo o equipo de xuíces, Djs e técnicos que conforman o Staff do circuíto, unha valiosa oportunidade para gañar experiencia en competición e prepararse para futuras oportunidades no escenario nacional e internacional.

 

XURADO

  • Serlli (Santiago)
  • Lúa (Vigo)
  • Chiscrow (Vigo)

 

HOST

  • Norte (Vigo)

 

DJ´S

  • DJ Mil (Santiago)
  • DJ Gabry Massa (Vigo)

 

 

CARTEL