>  Uncategorized   >  Batalla de Debuxantes IMPROVISDADO (19 Setembro)

Desde Vella Escola en colaboración co Concello do Porriño presentamos o concurso «Batalla de Debuxantes IMPROVISDADO», unha nova iniciativa que terá lugar na súa fase final (con 6 artistas finalistas) o vindeiro 19 de Setembro a partir das 17:00 horas na Praza Arquitecto Antonio Palacios do Concello do Porriño.

Este concurso busca potenciar a expresión artística mediante a creación de espazos que faciliten novas formas de intervención creativa baseadas no debuxo e a pintura, querendo romper cos estándares e “normas non escritas” da arte, na procura da expresión persoal sen cancelas do/a artista.

A presente convocatoria vai dirixida a debuxantes con idades comprendidas ente os 12 e os 45 anos, de nacionalidade española ou extranxeira que desenvolvan de xeito profesional ou amateur algunha das seguintes disciplinas artísticas relacionadas coa pintura: ilustración, graffiti, tatuaxe, banda deseñada ou outras técnicas de debuxo de man alzada.

Nesta segunda fase do concurso, os/as 6 participantes seleccionados/as terán 90 minutos para realizar o seu traballo artístico de temática libre (non é preciso desenvolver a mesma obra presentada na primeira fase) sobre un soporte ríxido que se determinará o día do evento por sorteo (paredes/obxectos/mobiliario), tendo a liberdade para utilizar o utensilio de pintura que desexen (rotulador, esprai, pincel, brocha ou rodillo) pero a técnica reducirase a man alzada, dispoñendo só de cor negra e non podendo utilizar plantillas, stickers, selos, compás, proxectores nin outras ferramentas diferentes ás enumeradas anteriormente.

Para a realización das obras pictóricas, a entidade organizadora facilitará o soporte (habitación branca con mobiliario), a pintura e utensilios necesarios, sendo estes o único material admitido.

XURADO

O xurado estará integrado por profesionais relacionados co mundo do debuxo:

Ilustrador/a profesional.
Artista profesional de Graffiti.
Debuxante convidado
Secretario/a: representante da directiva da Asociación Vella Escola.

PREMIOS

Os/as autores/as ou autor/a do mellor debuxo será premiado cun trofeo orixinal e unha dotación económica de 200€, o segundo premio trofeo máis 150€ e o terceiro premio trofeo máis 100€, sendo estas cantidades premios únicos e indivisibles.

BASES

Podes descargar as bases do concurso no seguinte enlace:

https://cutt.ly/Bases_Improvisdado